O centro de Lugo, a antiga Lucus Augusti, está
rodeado por unha Muralla romana de 2.266 metros de circunferencia. Esta
impresionante fortificación, unha das máis grandes do seu tempo, ergueuse entre
finais do s. III e comezos do s. IV durante tempos críticos para a cidade desde o punto de
vista político e militar. Ademais, é a única que conserva íntegro o seu
circundo nos tres continentes polos que se estendeu o territorio do Imperio
Romano.
Por
esta razón, o 2 de decembro do ano 2000 a UNESCO inscribiu oficialmente a
Muralla de Lugo na lista de monumentos declarados Patrimonio da Humanidade.
A Muralla estaba
coroada por 85 grandes torres semicirculares, medían entre dez e trece metros
de diámetro, e estaban elevadas sobre o adarve con grandes fiestras en cada
unha. Destas torres hoxe só se conservan 71 cubos ao nivel do adarve, agás un
resto da Mosqueira que está por riba deste nivel. Tiñan acceso desde o interior
da cidade por unha escaleira aberta a media altura na muralla, á que se chegaba
a través dunha escada de madeira. O espesor medio dos muros era de seis metros,
e o adarve, o paseo superior, que agora está entre os oito e os doce metros por
riba do chan exterior, daquela quedaría a unha altura máis regular e pénsase
que tiña ameas entre as torres.
Dezasete
séculos pasaron e a súa función militar caducou, as torres foron caendo (agás o
resto da Mosqueira), abríronse portas novas, a poboación estendeuse por fóra,
pero o circundo consérvase completo e os 71 cubos conservados danlle a esta
tremenda fortaleza o seu carácter inconfundible.
Hoxe,
as súas dez portas (cinco antigas e cinco novas) unen o recinto antigo co
ensanche da cidade. O adarve -que ten unha anchura duns catro metros- é un
paseo tradicional extraordinario, considerado unha rúa máis de Lugo, ao que se
accede por escaleiras unidas ao paramento interior. De día é o mellor miradoiro
sobre a cidade vella; de noite, grazas a unha discreta iluminación, é un
poético paseo con moito de misterio.
Disponível em:
http://www.lugoturismo.com/quevisitar/cultural/?pag=muralla
Enviado por Celiane Mendes
No hay comentarios:
Publicar un comentario